AAP PO 2058/2021
Poder Judicial España

AAP PO 2058/2021

Fecha: 21-Oct-2021

Roj: AAP PO 2058/2021 - ECLI:ES:APPO:2021:2058A
Id Cendoj: 36038370022021200640
Órgano: Audiencia Provincial
Sede: Pontevedra
Sección: 2
Fecha: 21/10/2021
Nº de Recurso: 854/2021
Nº de Resolución: 672/2021
Procedimiento: Recurso de apelación. Auto
Ponente: JOSE JUAN RAMON BARREIRO PRADO
Tipo de Resolución: Auto
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2
PONTEVEDRA
AUTO: 00672/2021
- R
OSALIA DE CASTRO NÚM. 5
Teléfono: 986.80.51.19
Correo electrónico: [email protected]
Equipo/usuario: MM
Modelo: 662000
N.I.G.: 36026 41 2 2021 0000432
ROLO: RT APELACION AUTOS 0000854 /2021 I
Xulgado procedencia: XDO.1A.INST.E INSTRUCIÓN N.2 de MARÍN
Procedemento de orixe: JUICIO SOBRE DELITOS LEVES 0000281 /2021
Delito: COACCIONES
Parte apelante: Carmen
Procurador: PEDRO ANTONIO LOPEZ LOPEZ
Abogado/a: FELICIANO NOGUEIRA VIDAL
Parte apelada: MINISTERIO FISCAL
AUTO Nº 672
MAXISTRADO/AS
Ilmo. Sr. don José Juan Ramón Barreiro Prado, presidente
Ilma. Sra. dona Rosa del Carmen Collazo Lugo
Ilma Sra. dona Rosario Cimadevila Cea
Pontevedra a 21 de outubro de 2021
FEITOS
Primeiro.- Na causa arriba mencionada o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución núm. 2 de Marín ditou un auto
con data do 5 de xullo de 2021, no cal acordou o sobresemento provisional e o arquivo das actuacións.

Segundo.- Contra o dito auto o procurador Pedro Antonio López López, na representación de Carmen ,
formulou un recurso de reforma o cal foi desestimado por medio dun auto con data do 16 de setembro de
2021, e, admitido a trámite o recurso de apelación subsidiariamente formulado, remitíronse as actuacións a
este Tribunal para a súa resolución.
Expón o parecer da Sala o maxistrado relator don José Juan Barreiro Prado.
FUNDAMENTOS DE DEREITO
Primeiro.- Por un auto do 5 de xullo de 2021, a xuíza do Xulgado de Instrución número 2 de Marín acordou
incoar un xuízo por delito leve e o seu sobresemento provisional, por mor da denuncia presentada por Carmen
contra Jacobo . E, mediante un auto do 16 de setembro de 2021, a mesma xuíza rexeitou o recurso de reforma
que a amentada denunciante presentou contra a súa primeira resolución e, simultaneamente, admitiu a trámite
perante esta alzada o subsidiario recurso de apelación. A que acollamos este recurso oponse o fiscal.
Segundo.- En múltiples resolucións anteriores xa temos reflectido que a decisión de arquivar unhas dilixencias
previas non lesiona o dereito á tutela xudicial efectiva, pois o dereito ao exercicio da acción penal non supón
un dereito incondicional á apertura e instrución do proceso penal, senón que é perfectamente compatible cun
pronunciamento motivado do órgano xudicial na fase instrutora que inadmita a trámite a denuncia ou querela
ou que poña termo anticipadamente ás dilixencias por entender que os feitos narrados non constitúen un ilícito
penal ( SSTC 21/2005, do 1 de febreiro; 94/2001, do 2 de abril; 191/1992, do 16 de novembro; 203/1989, do
4 de decembro; e 191/1989, do 16 de novembro).
Como dun xeito ben nidio razoa a STC do 5 de xuño de 2006, non existe un dereito a obter unha condena penal,
senón que o que existe é un ius ut procedatur como manifestación específica do dereito á xurisdición incluíble
no artigo 24 da Constitución española. A vítima dun delito ten dereito a poñer en marcha o proceso, que debe
ser instruído coas regras do proceso xusto, e a obter nel unha resposta razoable e fundada en dereito ( ATS,
Penal, Sección 1ª, do 4 de decembro de 2014 -ROJ: ATS 10469/2014-). Se, a teor do contido da denuncia ou
querela, o xuíz chega á conclusión de que os feitos non son constitutivos de infracción penal, pode vetar dun
xeito razoado e razoable a apertura do proceso penal, e mesmo está obrigado a facelo. O exercicio da acción
penal de ningún modo supón un dereito incondicional á apertura de dilixencias.
E se, como neste caso, presentada unha denuncia, se acorda o seu sobresemento e arquivo ou o xuíz da
instancia considera que os feitos en que se basea non se identifican coa súa correspondente transcendencia
penal e, xa que logo, acorda a non admisión a trámite da devandita denuncia, cúmprese de sobra a tutela
xudicial efectiva, aínda que en nidia discordancia con quen coa súa iniciativa deu orixe á incoación daquelas
actuacións. Cousa ben distinta é que, como resulta lóxico e comprensible, a apelante discrepe radicalmente
desa avaliación.
O denunciado no seu día pola agora apelante consistía, en esencia, no seguinte: que rexentaba a cafetería
Real, situada na rúa de DIRECCION000 , núm. NUM000 , de Bueu, e que, por mor da Covid-19, lle solicitara ao
dono do local, Jacobo , a rebaixa da renda mensual do alugueiro; que, dende entón, se produciran diversas
desavinzas entre eles ata o punto de que este último se presentaba no establecemento dun xeito violento,
berrando, ameazando con mudar a pechadura do almacén e retirar os efectos do seu interior, etc.; que mesmo
o fillo do devandito denunciado - Rodolfo - chamara o seu irmán - Romulo - e o ameazara por teléfono con
presentarse na cafetería e arruinarlle así a clientela, e ren máis. Polo tanto, como razoou a xuíza e informou
o fiscal, á marxe do presunto xeito improcedente de comportarse o pai e o fillo denunciados, as devanditas
desavinzas relativas ao pagamento e importe da renda mensual do alugueiro deben dirimilas nunha xurisdición
ben distinta a esta sempre restritiva penal, en concreto, na civil correspondente. Velaí que, contrariamente ao
que se alegaba, non se quebrantase o artigo 24 da Constitución española, no relativo á pretendida falla de
motivación das resolucións pronunciadas na instancia, nin se infrinxise o artigo 779 da Lei de axuizamento
criminal, senón que se deu cabal cumprimento ao disposto no número 1.1ª deste último artigo.
Tras seren vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación,
A SALA ACORDA
Rexeitar o recurso de apelación formulado pola representación procesual de Carmen contra o auto do 5 de
xullo de 2021 do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución núm. 2 de Marín, pronunciado no xuízo sobre delitos
leves núm. 281/2021, e confirmar a amentada resolución xudicial en todos os seus termos.
Contra esta resolución non cabe recurso ningún.

Devólvanse as actuacións ao xulgado de procedencia xunto cun testemuño da presente resolución para a súa
notificación e cumprimento.
Únase un testemuño desta resolución aos autos correspondentes e ao rolo de Sala.
Así, por medio deste auto, o acordamos, mandamos e asinamos.
A difusión do texto desta resolución a partes non interesadas no proceso no que foi ditada só poderá levar
a cabo previa disociación dos datos de carácter persoal que os mesmos contivesen e con pleno respecto
ao dereito á intimidade, aos dereitos das persoas que requiran un especial deber de tutelar ou á garantía do
anonimato das vítimas ou prexudicados, cando cumpra.
Os datos persoais incluídos nesta resolución non poderán ser cedidos, nin comunicados con fins contrarios
ás leis.

Vista, DOCUMENTO COMPLETO